xoves, 31 de xaneiro de 2019

Elixe ben

O noso centro este curso ten como eixo de traballo o coidado dos montes. Un piar fundamental para levar a cabo unha proteción medioambiental é o correcto tratamento do lixo que xeramos os humanos.
Nesta liña decidimos participar nun programa do Plan Proxecta, baseado na concienciación da importancia da separación do lixo. Leva por título: ELIXE BEN.
Unha das primeiras actividades foi unha charla por parte dunha experta que a continuación nos vai explicar Fernando, un alumno de 4º de primaria a través do seguinte artigo:

O martes 15 de xaneiro, Mayra unha colaboradora de SOGAMA (Sociedade Galega do Medio Ambiente) deunos unha explicación sobre a reciclaxe.
Aprendemos unha morea de cousas: sobre todo como separar os residuos. Ensinounos, por exemplo, que o contedor amarelo non so é para os plásticos. Esta é a mellor maneira de reciclar:
  • COLECTOR VERDE CLARO: Neste colector debemos depositar os envases de vidro, sempre e cando estes esteñan limpos. Por exemplo: unha botella de vidro que levara zume e que se acabara. Recordade: para depositar residuo algún neste colector ten que estar limpo.
  • COLECTOR AZUL: Aquí depositaremos o papel e o cartón. Referímonos a folios, non a panos de soar os mocos.
  • MINICOLECTOR DE PILAS: Neste contedor depositaremos as pilas cando se esgoten. Podemos encontralos nos establecementos e nas tendas.
  • COLECTOR DE ENVASES LIXEIROS(amarelo): Neste lugar debemos depositar latas, brics e envases de plástico.
  • MATERIA ORGÁNICA: Referímonos a un composteiro para depositar os residuos orgánicos.
  •  RESIDUOS ESPECIAIS: É un punto limpo . Aquí deposítanse os residuos perigosos, voluminosos...
  • FRACCIÓN RESTO(verde): Aquí depositarase todos os residuos que non poidan ir nos lugares anteriores. Cando cheguen á planta de SOGAMA queimaranse para producir enerxía.
Estamos participando no proxecto "Recíclate con SOGAMA". Para gañar este concurso debemos separar os residuos o mellor posible. Dentro duns meses Mayra virá e tomará unha mostra dos residuos de cada colector.
Esperemos que non sexa moi difícil concursar contra outros centros.
Agora tócavos separar para reciclar. Non esquezades a regra dos 3R, que son os seguintes: reducir, reciclar e reutilizar.